Sunday 19 de May de 2024

‘SEPAREMOS BEN, RECICLAREMOS MELLOR’ atendeu de forma personalizada a máis de 61.000 cidadáns


Este é o balance da campaña desde setembro do ano 2012 ata decembro do 2014, previndo que a terceira edición, que se atopa en vigor, conclúa en xullo deste ano

Desde o mes de setembro de 2012 a decembro de 2014, a campaña autonómica Separemos ben, reciclaremos mellor, atendeu personalmente a máis de 61.000 persoas, ás que formou na correcta xestión dos residuos urbanos. Trátase dunha iniciativa promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e Sogama, contando co apoio e o respaldo de Ecoembes, Ecovidrio e os sistemas integrados de xestión de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP). Os datos recollidos no medio milleiro de eventos organizados revelan que do total de participantes, preto de 27.000 foron adultos e máis de 34.000 nenos.

Ademais de dar traslado das boas prácticas ambientais na materia, tamén recolleu os comentarios e observacións dos cidadáns en torno ao actual sistema de recollida selectiva, toda vez que as súas achegas resultan de gran interese para a mellora do mesmo.

Das distintas actuacións levadas a cabo, cómpre destacar especialmente a aula itinerante atendida por educadores medioambientais, un vehículo adaptado que vén percorrendo os distintos municipios adheridos a esta iniciativa para ensinar aos veciños, a pé de rúa, os pormenores da xestión e tratamento dos desperdicios que producen nas súas casas. As súas explicacións céntranse no principio europeo dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), mostrando aos destinatarios como producir menos lixo, como aproveitar ao máximo os produtos.

Tamén se lles recorda como se deben separar unha vez convertidos en refugallos, depositando cada tipoloxía no contedor correspondente: amarelo, para os envases de plástico, as latas e os briks (nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios); azul, para os de cartón e papel (nunca papeis e cartóns sucios ou con restos de graxa, así como papeis plastificados, encerados ou de calco, debendo ser retirados elementos accesorios tales como anelas, espirais e grampas); iglú verde, para os envases de vidro, é dicir, botellas, frascos e tarros (nunca vidros especiais tales como restos de cristalerías, parabrisas de coches e espellos); contedor específico para pilas, a disposición da cidadanía en casas consistoriais, centros educativos, colectivos sociais e establecementos comerciais (é preciso ter en conta que unha soa pila botón, aparentemente inofensiva, pode chegar a contaminar ata 600.000 litros de auga); e recipiente verde convencional para a fracción resto, que Sogama valoriza enerxeticamente nas súas instalacións centrais de Cerceda (A Coruña).

Outro dos aspectos que se destacan neste encontro son as vantaxes ambientais, económicas e sociais da compostaxe doméstica, implantada pola Sociedade Galega do Medio Ambiente en numerosos concellos, centros escolares e colectivos sociais, tendo distribuído a día de hoxe preto de 4.000 composteiros. Do que se trata é de aproveitar en orixe a materia orgánica para a súa conversión en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo e que vén substituír aos fertilizantes artificiais.

A terceira edición da campaña, que arrancou en agosto de 2014, manterase ata xullo deste ano, previndo que, ademais de estar presente en concellos , colexios, asociacións e centros comerciais, a partir de marzo intensifique a súa presenza en eventos deportivos de interese.

O obxectivo último é levar a mensaxe aos distintos sectores de poboación e conciencialos sobre o importante papel que desempeñan na protección e coidado da contorna, facéndose necesario que, xunto coa Administración, asuman as súas responsabilidades.

Os escolares, público obxectivo prioritario
As actividades educativas dirixidas aos escolares ocupan tamén un lugar relevante. Os monitores especializados desprázanse por multitude de centros, co fin de impartir charlas, organizar coloquios e sensibilizar a mozos e pequenos da importancia da súa colaboración, instándoos a levar a cabo un tarefa educativa no seu ámbito familiar e social máis inmediato.

Para isto, os educadores utilizan distintos instrumentos de reforzo tales como vídeos, unidades didácticas, xogos e merchandising, permitindo deste xeito que os alumnos interioricen os coñecementos e os leven á práctica.

Con isto contribuirán ao cumprimento dos obxectivos recollidos no plan galego de xestión de residuos urbanos para o período 2010-2020, que prevé reducir a produción nun 10 por cento, reto xa alcanzado e ata superado na actualidade, triplicar os niveis de reutilización e reciclado, subindo de aproximadamente o 12 por cento actual ao 30 por cento, e minimizar o vertido.

Para incentivar estas accións de reciclaxe e recuperación de refugallos, realizouse unha convocatoria de premios escolares enmarcados nesta campaña, aos que poderán presentar a súa candidatura todos os centros académicos galegos de Primaria e Secundaria. O traballo a desenvolver será a realización dunha obra de arte con materiais de refugallo na que os estudantes dean renda solta á súa imaxinación. O prazo conclúe o próximo día 27 de febreiro.